A de Sophie é unha historia inspirada en feitos reais, pero é algo máis que a historia dunha persoa migrante. A viaxe de Sophie é unha viaxe polo desexo, pola dignidade, pola consciencia da riqueza das culturas populares de África, polo documento teatralizado da violación e da trata de mulleres, das políticas migratorias burocratizadas de Europa e polas relacións familiares fiadas por silencios, medos e angüeiras dunha vida plena e sincera. Sophie é unha muller que ama e quere ser amada, divertida e vital, ambigüa e perigosa.
Sophie é un espectáculo de teatro contemporáneo a partir do texto teatral homónimo de Roberto Pascual, gañador do Premio Rafael Dieste 2021, da Deputación da Coruña.
A viaxe de Sophie está baseada nunha historia real, ou quizáis en moitas. A pasaxe vólvese moi custosa cando o exilio é unha cuestión de supervivencia.
Camiñaremos coa protagonista a través da súa travesía vital e no mapa, desde Yaoundé, capital de Camerún, ata A Coruña. Unha viaxe pola riqueza da cultura popular de África, pola burocracia das políticas migratorias e pola escravitude sexual.
O obxectivo principal deste espectáculo é falar da migración forzada, a través da vivencia persoal dunha muller que loita por ser libre, por amar e ser amada. Unha historia que pon no centro a realidade da trata de mulleres con fines de explotación sexual. A peza afonda nas conexións humanas, familiares, de amizade e de parella de Sophie, unha muller cunha personalidade chea de matices, fuxindo do estereotipo e da revictimización. Descubrindo o amplo prisma da maternidade: como desexo e como instrumento.
Na súa forma escénica trátase dunha proposta contemporánea onde os recursos audiovisuais se mesturan cos elementos poéticos e o teatro textual. A atmosfera xerada polo espazo sonoro e escénico mergullará ás espectadoras na viaxe de Sophie.
Elenco: Camille Hedouin e Alixa Ladson
Dirección: Laura Míguez
Autor: Roberto Pascual
Axte dirección: Atenea Garcia
Escenografía e iluminación: As dúas e punto
Espazo sonoro: Mounqup
Material promocional: Alex Sampayo
Produción: Redrum Teatro
Distribución: Guillermo Carbajo
Premio “Rafael Dieste” 2021
Hora por determinar