Machi Salgado gaña o María Casares

Machi Salgado gaña o María Casares ao mellor actor protagonista por IDIOTA

 

O pasado luns 9 de novembro, coa emisión dunha gala celebrada no Salón Teatro de Santiago de Compostela, dábanse a coñecer os gañadores premios de teatro María Casares, concedidos pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Machi Salgado, que competía na categoría de Mellor Actor Protagonista con Denis Gómez e Sergio Zearreta, resultou premiado polo noso espectáculo IDIOTA, polo que xa recibira no ano 2019 o premio FETEGA na mesma categoría.

IDIOTA, está dirixido por Alex Sampayo sobre un texto do catalán Jordi Casanovas. Coprotagonizado por Susana Sampedro, trátase dunha comedia negra sembrada de minas en forma de dilemas morais e acuciantes descargas de presión psicolóxica que se mergulla nos mecanismos da manipulación, nos resortes da codicia, o poder das grandes corporacións, a capacidade da tolerancia ante o abuso de autoridade e as inconmensurables dimensións da estupidez humana, sempre ignorante da letra pequena das claúsulas que impón a vida.